A IA axexa no noso televisor: mellora o que vemos e condiciona o que queremos ver
Algúns dos aparellos máis modernos xa incorporan tecnoloxía de intelixencia artificial
Pode retocar a imaxe e o son e incluso adaptar detalles ás preferencias dos espectadores
Xa está aquí. A intelixencia artificial chegou tamén aos televisores. Algúns dos aparellos máis modernos incoporan esta nova tecnoloxía, presente antes en ordenadores ou teléfonos móbiles. No caso da televisión, a palabra que pode sintetizar o seu efecto sería "retoque".
Porque, para empezar, un televisor con IA retoca o que vemos. Moitos dispositivos teñen máis resolución ca imaxe que reciben. É dicir, poderían reproducir imaxes máis nidias así que a IA completa os píxeles que faltan. E tamén depura o son. Pero hai moito máis porque, sen preguntarlle, unha moderna TV pode retocar tamén as nosas decisións.
"Aprende dos nosos usos e dos nosos gustos. Se a min me gustan as series de acción e á miña parella, os documentais, cando entras no perfil adapta a pantalla de inicio e xa nos aparecen esas opcións que máis nos gustan, para non perder tempo buscando aquilo que queremos ver", explica Pepe García, responsable da sección de televisores da tenda de FNAC na Coruña.
"É máis que nada unha análise de todo o que fas e propoñer contidos, aplicacións que che gusten, xogos... porque hoxe en día tamén pode xogar a facer moitas cousas cos televisores", engade Jorge Lamas, encargado da tenda Star Electrodomésticos do Calvario, en Vigo.
O seguinte paso é retocar os contidos. A intelixencia artificial xa permite adaptar algúns detalles ás preferencias de cada espectador. Por exemplo, pode traducir un texto que se ve nunha pantalla para que se lea no idioma nativo do espectador. Pero a informática está traballando en ir moito máis aló para modificar variables en función de factores culturais, por exemplo.
"A nivel racial, poderemos estar vendo un informativo a nivel mundial e que ti vexas un presentador que sexa como da túa aldea, que se pareza ao teu veciño. En cambio noutro lugar veríalo cos trazos étnicos da súa zona", imaxina Marcus Fernández, o webmaster de codigocero.com e colaborador do Lambóns Dixitais da Radio Galega.
De momento, son os televisores de alta gama os que incorporan intelixencia artificial. Pero xa nos rodea noutros aparellos, se cadra sen que o saibamos. Hai frigoríficos ou lavadoras que a inclúen para optimizar o seu funcionamento.