Serán musical e apertura de furanchos nas festas de San Brais
Dende esta fin de semana xa están abertos os furanchos de San Brais, en total 21, e permanecerán abertos ata o martes 3 de febreiro
Este sábado un serán popular no palco vello da música en Bembrive anunciou catro semanas de tradición cultural, musical e gastronómica desta festa de Interese Turístico Galego
Os furanchos de San Brais, vinteún este ano, xa abriron as súas portas e sobre todo as súas cociñas para dar o pistoletazo de saída a unha festa emblemática e centenaria en Galicia.
"Isto leva xa máis de 350 anos de tradición e nace de que antes a xente xuntábase nas casas co excedente do viño a matanza do porco.", conta Samuel Fernández, presidente da Comisión de festas.
Dende esta fin de semana e ata o tres de febreiro, unha ampla programación musical, cultural pero tamén gastronómica formarán parte do día a día desta parroquia de Bembrive.
"Estaremos abertos todo o mes e todas as fins de semana ata o día 3 de febreiro. Ese, xa o temos completo. Igual queda unha zona para dúas persoas pero xa o temos completo", engade Jorge de la Fuente do furancho San Blas.
O ambiente irá de menos a máis ao longo das próximas semanas. Este sábado xa con actuacións e gran ambiente nos propios furanchos e cun serán popular no palco vello da música.
Sen perder a tradición cultural e tampouco a familiar. En cada furancho, seguen o legado dos antecesores preparando con mimo o baixo da casa familiar para estes días. De feito, levan dende o mes de outubro preparando todo.
Este ano a novidade é a compostelana furancheira, unha tarxeta de selos que os asistentes poderán completar visitando os distintos establecementos para poder optar a un cocido gratuíto.