Publicador de contidos

Publicador de contidos

Plena ocupación para o Arde Lucus a un mes da celebración da festa

Plena ocupación para o Arde Lucus a un mes da celebración da festa

Supón un revulsivo para o comercio local, que xa comezou a vender traxes e complementos para caracterizarse de galaicos ou de romanos

A festa galaicorromana celebra nesta edición 25 anos de historia
Félix Aragunde 12/05/2026 20:48 Última actualización 12/05/2026 21:03

O Arde Lucus MMXXVI celebrarase entre o 18 e o 21 de xuño. A un mes do seu inicio, os hoteis de Lugo xa teñen reservadas a práctica totalidade das súas prazas, o que dá idea do poder de convocatoria desta festa de recreación histórica.

"Estamos a falar da fin de semana máis importante na cidade. A máis dun mes vista, xa practicamente estamos cheos. Queda unha habitación libre. Estamos recibindo chamadas e, lamentablemente, temos que denegar", sinala José Manuel Pereira, director do hotel Aura Bríos

Declarado de interese turístico internacional, o Arde Lucus supón tamén un revulsivo para o comercio da cidade. En especial para os dedicados á venda de traxes e de complementos para caracterizarse de galaicos ou de romanos durante os catro días que dura a festa. 

"Temos todo o que poidan necesitar. Temos peles naturais e traballamos con distintos artesáns de toda Galicia. Por exemplo, os cornos están feitos por Pontevedra, tallados a man. E a vestimenta faise á medida", subliña Montse Fernández Rego, dona da tenda Miluna

"Agora o que se pide son complementos, porque xa teñen o traxe. E logo ao final, as últimas semanas pídeno todo completo porque veñen sen nada e queren vestirse de arriba a abaixo", engade Pedro Ponce, xerente da tenda Agarimo

Algúns dos comercios mesmo abren locais durante varios meses só para vender traxes para o Arde Lucus, unha festa que atrae familias ou grupos de amigos que incluso fan as reservas dun ano para o outro.

"O que temos é moito cliente que vén do ano anterior e xa nos deixa reservado para o ano seguinte. Son clientes habituais que veñen todos os anos, e estamos a falar de máis da metade das habitacións que xa veñen reservadas do ano pasado. Aí é onde se nota a importancia do Arde Lucus", salienta José Manuel Pereira. 

A festa galaicorromana por excelencia celebra ademais este ano o seu 25 aniversario.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade