Piden que se arranxen as deficiencias derivadas da reforma da rúa da Pravia, en Vilalba
O Concello decidiu reclamarlle á empresa adxudicataria a execución da garantía de obra, aínda en vigor
As obras, con custo cero para as arcas municipais, comezarán o vindeiro mes de maio
Os defectos de execución das obras realizadas na rúa da Pravia, en pleno centro de Vilalba, non deixan de suscitar as queixas de veciños e usuarios. Entre eles figuran as pezas rotas ou soltas nas prazas de estacionamento ou a falta de drenaxe, que propicia a formación de pozas na beirarrúa. Pero os máis perigosos son os desniveis nas zonas peonís, posto que provocan continuos tropezóns e as conseguintes caídas de transeúntes.
Ante esta situación, o Concello de Vilalba decidiu actuar e reclamarlle á empresa adxudicataria a execución da garantía de obra. E como aínda está en vigor, non lles suporá custo ningún ás arcas municipais.
Prevese que os traballos para resolver as deficiencias na principal rúa da capital chairega comecen no mes de maio.