Piden melloras na seguridade dun paso en Ourense en que houbo un atropelo mortal
Tras nove meses do suceso, o perigoso paso continúa nas mesmas condicións
No barrio ourensán de Mariñamansa piden medidas urxentes para mellorar a seguridade viaria dun cruzamento no que houbo varios atropelos, o último foi mortal. Queren un paso de peóns, beiravía ou sinalizacións para que os viandantes poidan esquivar a circulación de camións cara a unha entulleira.
Un ramo de flores e unha sentida dedicatoria lembra o home falecido. Vai facer nove meses do seu atropelo e este transitado e perigoso paso segue igual.
O paso de camións, como o do atropelo mortal, que cargan e descargan cascallos da construción é o que máis os preocupa.
A veciñanza de Mariñamansa únese á familia do falecido que denunciou a situación e propoñen varias solucións para mellorar a seguridade viaria.
Queren que se tomen medidas axiña antes de que, din, haxa outra desgraza.