Piden medidas contra os atropelos na estrada da Granxa, en Ourense
Veciños desta rúa de Ourense concentráronse en sinal de protesta
Solicitan un semáforo para cruzar con seguridade
Este mes xa houbo dous atropelos
Os dous últimos atropelos, en menos dunha semana, mobilizaron os veciños da rúa da Granxa. Son os máis recentes, ambos os dous este mesmo mes, pero houbo máis. Anuncia Diéguez foi unha das vítimas.
"Colleume, mandoume ao medio da estrada. E sorte que me colleu a min, porque detrás ía unha rapaza cun bebé", explica Anuncia.
"O último que houbo foi a madriña do meu fillo: sete costelas rotas, a clavícula, o ombreiro... e un golpe na cabeza", engade outra veciña, que rexenta a tenda de ultramarinos do barrio.
Na zona hai un colexio. Tamén pasan por aquí para ir ao hospital. Nenos e persoas maiores que se senten en perigo cada vez que teñen que cruzar.
"Estamos fartos de denunciar a falta de seguridade viaria dos peóns. Levamos sustos diarios. Atropelos e accidentes constantes", detalla Olalla, unha das promotoras da concentración en sinal de protesta.
Medidas de seguridade
É o treito urbano da estrada da Granxa, unha rúa limitada a 30 quilómetros por hora e con sinalización vertical e luminosa, pero nada abonda para concienciar algúns condutores.
"Pedimos que nos poñan un semáforo, tan sinxelo coma iso: que o semáforo se poña en verde e que os coches paren para que poidamos cruzar con seguridade", resume unha veciña.
Desde o Concello sinalan que xa realizaron as xestións perante a Consellería de Infraestruturas, titular da vía, para intervir na zona.