Piden 30 anos de cárcere e case medio millón de multa para os acusados de incendiar dous buses Vitrasa en Vigo
Piden 30 anos de cárcere e case medio millón de multa para os acusados de incendiar dous buses Vitrasa en Vigo
A Fiscalía acúsaos de dous delitos de incendio con perigo para a vida
A parella pagaría 423.183 euros pola destrución dun autobús e 4.673 euros polos danos do outro

A Fiscalía solicita penas que suman 30 anos de cárcere para os dous acusados de queimar dous vehículos de Vitrasa, a concesionaria do autobús urbano en Vigo, en abril de 2023, un home e a súa parella, condutora da compañía.
O escrito de acusación trasladado á Audiencia Provincial atribúelles dous delitos de incendio con perigo para a vida.
Por eses feitos, solicita dúas penas de dez anos de prisión para o home acusado e outra dunha década para a muller procesada.
Ademais, en concepto de responsabilidade civil, o home indemnizaría a Vitrasa en 4.673,34 euros polos danos nun dos vehículos e ambos os dous responderían co pago de 423.183,22 euros pola destrución do outro autobús.
A Fiscalía considera que o procesado ía de pasaxeiro no vehículo que sufriu menos danos cando circulaba con nove pasaxeiros, algún deles de avanzada idade, e, con "total desprezo do risco que para eles orixinaba", serviuse dun artefacto incendiario caseiro, con gasolina como acelerador da combustión, para prender lume.
El gritou "lume", o condutor freou rapidamente e abriu as portas, e o acusado fuxiu do lugar sen que o lume chegase a estenderse demasiado grazas á intervención do propio condutor, que utilizou un extintor.
Escasos minutos despois, o mesmo procesado subiu a outro autobús de Vitrasa que conducía a outra acusada, a súa compañeira sentimental.
A Fiscalía atribúelle que utilizou un artefacto similar que colocou de novo baixo un asento da penúltima fila ao lado da condutora cando se achegaban a unha céntrica parada e prendeulle lume.
Baixou rapidamente do autobús, tal e como fixeron tamén a única pasaxeira que ía nese momento e a condutora; o vehículo quedou completamente calcinado.