Pezas de artesanía para restaurar motos antigas
Un taller chairego elabora recambios para marcas españolas de entre os anos 50 e 80
No seu taller de Duancos, en Castro de Rei, José Novo elabora, de forma totalmente artesanal, réplicas de recambios para motos españolas de entre os anos 50 e 80. Son pezas como tubos de escape, cóbados ou variñas de freo, que doutro xeito serían imposibles de atopar, posto que actualmente só el as fabrica.
De feito, na súa tenda en liña recibe pedidos non só de todo o ámbito estatal, senón tamén de distintos países de Europa.
"Para darlle un servizo a quen non encontra as pezas no mercado agora mesmo porque se deixaron de fabricar. De non haber xente coma min, que poucos somos, non se poderían restaurar as motos, por falta de pezas", explica José Novo, Motos Sarria.
Para elaborar os recambios, este artesán das motos antigas válese de ferramentas que tamén son antigüidades. É o caso dun torno metálico, dunha prensa adaptada para acuñar pezas ou dun trade de columna que dera servizo nunha fábrica de armas.
"A fresa trouxémola dunha escola taller da Corula, e o trade veu do mantemento dunha fábrica eléctrica. Procuramos comprar ferramentas antigas porque nos gusta que se conserven en uso e que non vaian para chatarra", indica José Novo.
Grazas ao traballo de José Novo, tamén coñecido como Sarria, moitas motos antigas de marcas históricas como Bultaco, Montesa ou Ossa poden seguir funcionando a día de hoxe.