Percorren a Vía Künig para que sexa recoñecida como ruta oficial do Camiño de Santiago
Seguidores nas redes, veciños e escolares dos concellos por onde discorre o itinerario únense á campaña
Grupos de escolares, de seguidores nas redes sociais e de veciños dos concellos polos que discorre a Vía Künig están a percorrer as distintas etapas deste itinerario. Fano co fin de que sexa recoñecido como ruta oficial do Camiño de Santiago.
Na campaña, promovida polo guía turístico Guido Álvarez Parga, colabora o artista urbano Diego As. O último mural que realizou, en Becerreá, súmase a outros dous no Corgo, un na propia vila e outro máis en Gomeán. Todos representan o monxe alemán que no século XV deseñou o percorrido ao que lle dá nome.
Diego As, artista urbano: "É coma unha historia que van contando un tras doutro. Neste está representado coa súa guía, noutro está de costas por un camiño... Cada un amosa unha escena diferente".
Javier Gómez Vila, historiador e promotor da Vía Künig: "A de König é a primeira guía que os peregrinos levan no peto. É práctica, e ademais tivo un éxito brutal, porque se editou como mínimo cinco veces".

Os propios seguidores das contas que promoven esta campaña participan de xeito activo, con mensaxes nas redes a prol de que a Vía Künig sexa declarada a quinta ruta oficial do Camiño de Santiago en terras lucenses. Nesta provincia atravesa, procedente de León, un total de sete concellos.
Guido Álvarez Parga, guía turístico oficial de Galicia: "O bonito disto é que xurdiu dunha maneira moi espontánea e están acontecendo cousas moi bonitas. Estanse unindo os colexios e veu xente de lonxe, de Madrid e de distintos lugares de Galicia".
O ramo deste campaña está previsto para o domingo vindeiro. Daquela os participantes rematarán o percorrido da Vía Künig na cidade de Lugo, onde conecta co Camiño Primitivo.