Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dous anos de cárcere por colocar cámaras ocultas nos cuartos do seu fillo e a súa fillastra

Dous anos de cárcere por colocar cámaras ocultas nos cuartos do seu fillo e a súa fillastra

Existen corroboracións externas como as 259 imaxes e dous vídeos que o padrasto da vítima gardaba nun arquivo do seu computador persoal

A sentenza dita unha multa de 12.000 euros, así como o pago de 20.000 euros de indemnización e a prohibición de aproximarse á vítima e de comunicarse con ela durante seis anos

Os xuíces absólveno do delito de corrupción de menores porque “non consta" ningunha difusión

Imaxe de arquivo dunha cámara para ilustrar a noticia Imaxe de arquivo dunha cámara para ilustrar a noticia
G24.gal 19/11/2025 18:24

A Audiencia de Pontevedra condenou a dous anos e catro meses de prisión un home de Pontevedra que instalou cámaras ocultas nos cuartos do seu fillo e da filla da súa muller, esta menor de idade no momento dos feitos.

Ambos mantiñan unha relación sentimental que era coñecida polo acusado, segundo consta no relato de feitos probados da sentenza.

O tribunal considera acreditado que o sospeitoso colocou as cámaras, camufladas nun reloxo e nun altofalante, "movido pola intención de vulnerar o seu espazo máis reservado".

Entre as imaxes que gravou, este puido observar a menor “espida, semiespida ou mantendo relacións sexuais” coa súa parella, o fillo do acusado.

Os maxistrados da sección segunda da Audiencia de Pontevedra consideran que esta conduta faino autor dun delito de descubrimento e revelación de segredos.

Os xuíces conclúen que a declaración da vítima é "totalmente crible" e que conta con corroboracións externas, como as 259 imaxes e dous vídeos que o seu padrasto gardaba nun arquivo do seu computador persoal.

Ademais de dous anos e catro meses de prisión, os maxistrados impóñenlle ao acusado unha multa de 12.000 euros, así como o pago de 20.000 euros de indemnización e a prohibición de aproximarse á vítima e de comunicarse con ela durante seis anos.

Os xuíces absólveno do delito de corrupción de menores, pois entenden que na obtención das gravacións a menor "permaneceu completamente allea á súa actuación".

A fillastra, sostén o tribunal, "non só descoñecía que estaba a ser gravada, senón que non se executou ningunha actuación sobre ela nin foi directamente involucrada ou perturbada".

A iso, engaden que “non consta" ningunha difusión nin ánimo de difusión das imaxes e gravacións obtidas.

Para a Audiencia de Pontevedra, carece de valor exculpatorio a alegación "de que pretendía vixiar se o seu fillo consumía substancias”, pois asegura que é "evidente" que para iso existen outros métodos non delituosos "e non xustifica que gardase esas imaxes nun arquivo".

A sentenza non é firme e pode ser recorrida ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade