Pensionistas de toda España reclaman en Madrid uns salarios dignos
Piden unha revalorización respecto ao incremento do IPC e unha pensión mínima do 60 % do soldo medio
Milleiros de pensionistas de diferentes comunidades autónomas manifestáronse este sábado polas rúas de Madrid para esixir uns soldos dignos. Reclaman a revalorización das pensións respecto ao incremento do IPC acumulado anual e unha pensión mínima do 60 % do salario medio.
Entre as diferentes plataformas convocantes atópanse organizacións de Galicia, Andalucía, Estremadura, País Vasco e Madrid, ademais da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións (Coespe), a Asociación Xubilación Anticipada sen Penalizar (Asjubi40) e a Confederación Xeral do Traballo (CXT).
A manifestación, que partiu ao mediodía desde a praza de Neptuno, é o primeiro paso dunha mobilización xeral que os convocantes teñen previsto realizar no mes de novembro nas vilas e comunidades para seguir defendendo as súas reivindicacións.
Ademais de esixiren a revalorización das pensións conforme o IPC, piden unha auditoría das contas da Seguridade Social e amosan o seu "rexeitamento á privatización do Sistema Público de Pensións (SPP)".
Pensións "de miseria"
As asociacións de pensionistas convocantes denuncian que, mentres algunhas comunidades están a baixar impostos, como o de Patrimonio, as pensións mínimas e non contributivas son "de miseria".
Lembran, ademais, que as pensións perderon en 2021 un 3 % de poder adquisitivo e que salarios e pensións están a perder máis de seis puntos de poder de compra no transcorrido de 2022.
Fronte a iso -critican- as empresas do Ibex 35 están a bater marcas de beneficios, alcanzando os 48.868 millóns de euros no primeiro semestre do ano.
"A causa fundamental do incremento dos prezos non son os salarios nin as pensións: son quen, en réxime de monopolio, fixan os prezos para manter e incrementar os seus escandalosos beneficios", denuncian.