Publicador de contidos

Publicador de contidos

Pelexa con sete detidos e tres feridos, un grave, nunha casa ocupada de Vigo

Pelexa con sete detidos e tres feridos, un grave, nunha casa ocupada de Vigo

No vídeo gravado por un veciño vese como tres persoas golpean unha cuarta con paus, pero tamén se usaron navallas

A lea comezou cando unha parella que vivira na casa entrou para recuperar pertenzas que deixaran

G24.gal 17/12/2025 14:44

A imaxe arrepía e o son dos golpes aínda máis. Pelexa brutal entre ocupas, entre xente que vive alí e unha parella que tamén pasara un tempo na casa. 

"Esta pelexa iniciouse porque unha parella foi á casa porque din que tiñan alí unhas pertenzas que non lle devolvían", explica María Buyo, voceira da Policía Nacional de Vigo.

Foron por la e saíron pelados. Sorte que un veciño avisou a policía, que chegou co tempo xusto de evitar males maiores. A parella, un home de 39 anos e unha muller de 32, acabaron no hospital, un deles con feridas de gravidade, porque no intercambio de golpes non só houbo paus.

"Estaban pelexando entre eles fóra da casa, usando armas brancas e outros obxectos para, con forza, facerse dano. De feito, saíron estas dúas persoas malferidas, unha delas con prognóstico grave", engade Buyo. 

A maiores, a muller está acusada dun delito de roubo con violencia e intimidación, por querer recuperar o que di que é seu. Houbo seis detidos máis por lesións, pero, despois de pasar polo xulgado, quedaron todos en liberdade. A casa, un inmoble grande, con xardín descoidado, no centro de Vigo, volve ser un ir e vir de xente, pero as visitas non son benvidas. Puidemos comprobalo hoxe nós mesmos. 

"Sae de aquí. Vaite", espeta un ocupa.

De malas maneiras, convídannos a marchar e marchamos. Os veciños nin miran. Queren evitalos por medo, pero si confirman que dentro non hai diferenzas por sexo nin idade. Entran e saen homes e mulleres, xente nova e outra con máis currículo..., pero con conflitos a diario. Contan que hai pouco mesmo morreu unha persoa alí dentro.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar