O corpo reséntese do mal uso do móbil
Síndrome do 'text neck' ou pescozo de texto
Doenza asociada á postura estática que adoptamos durante horas fronte ao móbil
"Eu adoito estar co teléfono, penso que levo 10 minutos e levo unha hora, unha hora ou hora e media, ás veces dúas, e cando miro para arriba ás veces ata che dá como un medio vaído", conta un rapaz.
Pasar moitas horas co móbil pode carrexar problemas de saúde.
"Hai que decatarse que unha flexión de 60 graos de cervical pode crear unha presión de 27 quilogramos na columna cervical", explica Samir Yahyaoui Calvo, fisioterapeuta e director da clínica Fisami.
A maior parte das lesións prodúcense por hábitos cotiáns, e esta postura xa ten a súa propia doenza. Chámanlle síndrome do test neck ou de pescozo de texto, que se manifesta en lesións a nivel muscular e tamén articular
"Podemos atopar contracturas a nivel cervical e a nivel dorsal mesmo un aumento da cifose dorsal, que é esta posición que adoitamos chamar de chepa, unha interiorización de ombreiros tamén", continúa o fisioterapeuta.
A tensión muscular no pescozo pode ter tamén impacto sobre a mandíbula, a mordida e mesmo aumentar o bruxismo.
"Non quere dicir que esta posición leve ao bruxismo, ao desgaste dos dentes, pero esta posición constante de tensión muscular na cabeza, no pescozo, sumado a un mal encaixe dos dentes pode levar ao bruximo e ao desgaste nocturno e diúrno dos dentes", apunta Juan Carlos Pérez Varela, ortodoncista e director da Clinica MAEX.
Cada vez reciben máis pacientes con este tipo de problemas que a maiores acusan dor de cabeza e dificultades para durmir. As mans tamén se resisten tras horas manexando o móbil
"Podemos atopar unhas lesións moi típicas como son a tendinopatía De Quervain ou a síndrome do túnel carpiano", conta Samir.
Os máis novos son os que máis sofren destas doenzas. O consello é evitar esas posturas prolongadas e procurar elevar o teléfono ata a altura dos ollos.