Por que xogamos á lotaría de Nadal se as posibilidades e os premios non son moi altos?
Este ano cada galego gastará de media 83 euros en décimos, seis máis ca o conxunto de España
É o único sorteo, xunto co do Neno, en que se adoitan compartir os boletos
A ilusión pode máis que as matemáticas. A cinco días da lotaría de Nadal, o sorteo deste ano xa fixo historia: vendéronse décimos por máis de 3.500 millóns de euros, a maior cifra rexistrada.
En poucas casas faltan participacións e iso que está demostrado que as probabilidades de gañar son baixas. Cada número só ten unha posibilidade entre cen mil de ser o Gordo do día 22 e os cálculos din que só o cinco por cento dos xogadores recuperarán máis do que gastaron. Daquela, por que mercamos tantos décimos en Nadal?
"Por compartir alegría, que hai tantas desgrazas no mundo, e poder compartir a alegría de quen lle toque", argumenta unha muller que vén de mercar lotaría no Porriño.
"Pois pola ilusión de estar na casa e ver o sorteo na tele e dicir: Ui, case! Ui, case!", relata unha moza.
"Porque pasaba por aquí, e como eu non son de aquí, dixen: Vou levar algo do Porriño", explica un home nunha administración de Lotarías.
"Moitos destes décimos van ser regalos para a miña familia e paréceme un xeito bonito de regalar esperanza", completa outro comprador.
España é un país xogador. O ano pasado o oitenta e cinco por cento da xente gastou cartos en xogos de azar. E a lotaría de Nadal é o gran día, concentra o doce por cento do gasto anual.
"Cada ano supérase o gasto, non moito, pero sempre un pouco máis, pode ser un dez por cento ou máis", revela Javier Casal, o titular da única administración de Lotaría do Porriño.
"É unha tradición, xúntase a xente para celebralo e tamén é por se lle toca ao veciño, así de claro", sorrí Andrés Martínez, responsable do exitoso estanco El X de la suerte da vila do Louro, un lugar afeito a dar premios e onde se forman ringleiras para mercar décimos.
A lotaría de Nadal é especial por varias razóns. Tamén porque é un dos poucos nos que se adoitan compartir os boletos. Apenas pasa agora e, logo, no sorteo do Neno.