Brutal dentada deixa sen parte dunha orella a un home en Tui
O suceso foi á saída dun local de lecer nocturno, sobre as 3 da mañá, onde supostamente tivera un pequeno encontrón cun grupo de homes
Os axentes atopan o anaco de órgano e introdúceno nun guante de látex con soro fisiolóxico
A vítima foi atendida no Cunqueiro e está prevista a súa alta médica no día de hoxe
En Tui buscan as persoas implicadas na liorta na que un home perdeu parte dunha orella como consecuencia dunha brutal dentada. A investigación está aínda aberta, pero as pescudas policiais para dar cos agresores poderían dar pronto os seus froitos. O ferido que tivo que ser operado de urxencia para poder recuperar a parte da orella amputada recibirá hoxe a alta médica.
Foi á saída dun local de lecer nocturno, sobre as 3 da mañá segundo fontes policiais, onde supostamente tivera un pequeno encontrón cun grupo de homes. Xa no exterior, tres deles atacárono e un traboulle brutalmente nunha orella.
"Recoñecen que nun dos locais teñen un pequeno enfrontamento, un choque fortuíto cun grupo, e que se poñen moi agresivos, (...) Xa ían ao domicilio a descansar, e un grupo de 4 ou 5 persoas foron a por eles, os testemuñas dinos que rompen unha botella de cristal para ameazar co cu da botella, vese como as persoas intentan escapar, incluso chegan a saltar dun primeiro piso para escapar dos agresores, ata que o collen e lle dan unha malleira", declara un dos policías.
A rápida intervención dos axentes da Policía Local de Tui tras a chamada de teléfono informando da situación posibilitou a inmediata asistencia sanitaria ao ferido e impediu que a agresión fose aínda maior.
Un dos policías que asistiu o home asegura que encontraron ao rapaz berrando e en estado de nerviosismo.
"Non tiñamos nin unha caixa de primeiros auxilios nin nada, (...) e atopamos o anaco de órgano amputado e gardámolo nun guante de látex que tiñamos á man con soro fisiolóxico. Operárono de urxencias no Cunqueiro e puideron volver a coserllo e en principio recuperou o pavillón auditivo completo", declara o axente.
Os agresores, que se cree que son dous, fuxiron, e a investigación permanece aínda aberta, prevéndose a súa identificación "proximamente, nos próximos días".
O ferido é un cidadán alemán que reside en Tui temporalmente por motivos de traballo. Está previsto que hoxe poida recibir a alta médica.