Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta defenderá ante o Tribunal Constitucional a saída do lobo do réxime de protección especial

A Xunta defenderá ante o Tribunal Constitucional a saída do lobo do réxime de protección especial

O Goberno galego compadecerá no recurso presentado polo Defensor do Pobo contra a Lei estatal 1/2025

E insiste en que o plan  de xestión "non implica que o lobo sexa unha especie obxectivo de caza" senón que se persegue garantir a viabilidade da especie no territorio 

Imaxe dun lobo na neve ( Walter G.Arce / EuropaPress) Imaxe dun lobo na neve ( Walter G.Arce / EuropaPress)
G24.gal 02/02/2026 18:33

A Xunta defenderá ante o Tribunal Constitucional (TC) os seus argumentos a favor da normativa que supuxo a saída do lobo ao norte do Douro da Lista de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe).

Tal e como trasladou o Goberno galego nunha nota de prensa, o Consello da Xunta autorizou que a asesoría xurídica xeral compareza no recurso de inconstitucionalidade presentado polo Defensor do Pobo contra tres disposicións que inciden na xestión do lobo incluídas na Lei estatal 1/2025, de prevención das perdas e desperdicio alimentario.

Segundo expuxo a Xunta, a lei modifica mediante a súa disposición final décimo novena o anexo do real decreto que recolle a relación de especies incluídas no Lesrpe co fin de excluír as poboacións de lobo ao norte do Douro e manter unicamente as que están ao sur.

Un cambio que, indican, deixou sen efecto a orde ministerial do 20 de setembro de 2021, que incluíra a esta especie na devandita listaxe, e permitiu a recuperación do plan de xestión do lobo vixente en Galicia con anterioridade a esa orde. Como consecuencia, o lobo volveu ser considerado unha especie cinexética fronte á que poden adoptarse medidas de control para previr e reducir os danos causados.

Con todo, a Xunta de Galicia reiterou que este plan de xestión "non implica que o lobo sexa unha especie obxectivo de caza", senón que, en liña coas recomendacións do Comité Permanente do Convenio de Berna, persegue "garantir a viabilidade da especie no territorio".

O Executivo galego advertiu que a eventual anulación da disposición final décimo novena devolvería a xestión do lobo á situación vivida entre o 22 de setembro de 2021 e abril do ano pasado, "retirando novamente ás comunidades autónomas esta competencia e atribuíndolla ao Estado", o que considera "contrario á orde constitucional de distribución de competencias".

"Galicia fará valer as competencias que lle outorga o Estatuto de Autonomía, que establece que son competencia exclusiva galega tanto a caza como as normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe. Por tanto, de darse unha anulación dese precepto, estariamos ante unha vulneración de competencias", concluíu.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade