Pelé só xogou un partido en Galicia e foi en 1959, nun Teresa Herrera
Pelé só xogou un partido en Galicia e foi en 1959, nun Teresa Herrera
Nese Teresa Herrera xogaron o Santos de Pelé contra o Botafogo de Garrincha
Pelé tan só xogou un partido en Galicia. Foi en 1959, nun Teresa Herrera que enforntou o Santos de Pelé contra o Botafogo de Garrincha. Aquel partido, con Pelé, xa campión do mundo con 17 anos, fora todo un acontecemento na Coruña.
Pelé non era de moito de viaxar, pero o Santos brasileiro no que xogou media vida tiña os seus compromisos de verán e nos contratos primábase a presenza do dez da canarinha tras gañar un ano antes o Mundial.
O 17 de xuño de aquel ano Pelé está no Santiago Bernabeu na homenaxe a Miguel Múñoz, e dous días máis tarde o Santos chega á Coruña para xogar o decimo cuarto trofeo Teresa Herrera.
O cartel daquel ano anunciaba un choque Santos-Milan que non puido ser e provocou, de rebote, a chamada do Botafogo e un cara a cara en Riazor entre Pelé e Garrincha.
As entradas para tan monumental evento custaban 150 pesetas da época, cando o pan de a quilo andaba nas 5 rubias.
Pelé xogou e marcou. As corenta mil persoas no estadio puideron ver O'Rei no minuto 15 da segunda parte coller para si o balón, canear a varios rivais e bater o porteiro dos 'botafoguistas'.
Na crónica do partido, ao pé dun reclamo publicitario de coñac de aqueles, só para homes, destacábase que, "o gol foi recibido con grandes ovacións".
Non era para menos, outros dous máis encaixaron os de Garrincha, e Zagalo marcou o único do Botafogo para un 4-1 que xa é histórico. Pelé nunca máis volveu a Galicia.