As máscaras, de novo obrigatorias en exteriores a partir do venres
Non será necesaria para facer deporte, nin para pasear polo campo ou por espazos naturais
A medida fora solicitada por varias comunidades, entre elas, Galicia
Outra das medidas é intensificar o proceso de vacinación
Pedro Sánchez anunciou na Conferencia de Presidentes o uso obrigatorio de máscaras en exteriores con certas excepcións. Non será necesaria para facer deporte, pasear polo rural ou se transitamos en espazos naturais.
Pedro Sánchez convocou unha reunión extraordinaria do Consello de Ministros para este xoves co fin de aprobar a obrigatoriedade do uso de máscaras en exteriores.
O xefe do executivo atende así unha das peticións máis compartidas entre os seus interlocutores.
Non haberá novas restricións a nivel estatal, en contra do que demandaban os mandatarios catalán e vasco, partidarios de restrinxir horarios na hostalería durante as festas ou mesmo toques de queda nocturnos.
Fronte a eles, a madrileña Isabel Díaz Ayuso propuxo estender a cultura do autocoidado.
Vacinación e prevención
Sánchez segue fiándoo case todo ás vacinas: propuxo acelerar a posta da terceira dose, coa mobilización do exército e a utilización de hospitais militares para cumprir un calendario de obxectivos para cada franxa de idade.
A petición de que as máscaras volvesen ser obrigatorias en exteriores fora exposta por varias comunidades, e Sánchez anunciouno xunto a outra serie de medidas.
Entre elas, o reforzo dos dispositivos con equipos de vacinación das Forzas Armadas así como poñer a disposición hospitais da Rede Sanitaria Militar.
Proceso de vacinación acelerado
Tamén se prevé a intensificación e aceleración do proceso de vacinación. Sánchez fixou os seguintes obxectivos:
• O 80 % da poboación entre 60-69 anos vacinada con terceira dose antes de que finalice o ano.
• O 80 % de entre 50-59 anos na semana do 24 de xaneiro.
• O 80 % de entre 40-49 anos na primeira semana de marzo.
• O 70 % dos nenos de 5 a 11 anos coa primeira dose pediátrica na semana do 7 de febreiro.
• O 70 % dos nenos coa segunda dose pediátrica na semana do 19 de abril.
Reforzo da Sanidade, en especial Atención Primaria
A iso sumou o anuncio da contratación de persoal sanitario xubilado e prexubilado e habilitación para a contratación de profesionais con título de especialista obtido en estados non membro da UE.
Outra decisión é un plan de acción en Atención Primaria e comunitaria que incluirá aumentar o número de profesionais sanitarios dispoñibles e mellorar as súas condicións laborais, reducindo a temporalidade por baixo do 8 %.
Os orzamentos do Estado destinarán 292 millóns de euros a este plan, a maior parte transferidos ás comunidades.
Autorizacións temporais para antíxenos
En canto aos tests de antíxenos, emitiranse autorizacións temporais para permitir a venda en farmacias de determinados deses tests de uso profesional para que estean á disposición de toda a poboación, tal como anunciou esta mañá a ministra de Sanidade, Carolina Darias.
Segundo o aprobado pola Comisión Europea, a partir do 1 de febreiro de 2022, dentro do certificado verde dixital covid, o período de validez da vacinación será de 9 meses desde a data da administración da última dose.
Cabalgatas de Reis
O presidente deixou claro que haberá cabalgatas de Reis ao igual que as houbo o ano pasado, adaptadas ás circustancias da pandemia.
Minuto a minuto
A incidencia acumulada sitúase nos 784 casos por cada cen mil habitantes e 6,2% de ocupación hospitalaria por mor da variante ómicron
Case 38 millóns de persoas están vacinadas no noso país o que ofrece un escenario diferente á situación de hai un ano, estamos mellor preparados nesta nova vaga. Non estamos en marzo de 2020.'
As persoas entre 60 - 79 anos que son máis vulnerables, coas vacinas teñen un risco 6 veces menor de infeccion, 14 veces menor risco de hosptalización e 16 veces menor de falecemento, algo que se aplica a todos os grupos de idade.
Haberá consello de Ministros extraordinaria. Algunhas medidas para facer fronte a esta onda son : a terceira dose da vacina porque reduce o risco de ingresar pola covid.
Obxectivos de vacinación: ter o 80 por cento dos maiores de 60 anos vacinados coa doses de reforzo antes de que remate o 2021. O calendario continúa por franxas de idade para rematar o 18 de abril co último grupo de vacinación infantil.
Reforzarase a atención primaria con centros de vacinación de apoio a algunhas comunidades como Madrid e Aragón. Rastreadores como recurso adicional, hoxe máis de mil efectivos traballando.
Obrigatoriedade da máscara en exteriores, sempre que non haxa a distancia de seguridade necesaria.
O Goberno anuncia que vai favorecer o subministro de tests mediante autorizacións temporais para que certos antíxenos de uso profesional poidan comercializarse para ter unha maior dispoñibilidade nas farmacias.
Pedro Sánchez insiste nas medidas para reforzar a atención primaria, haberá unha maior activación na contratación de Sanidade e búscase reducir a temporalidade por debaixo do 8 por cento.
O Goberno fala do compromiso de ter vacinado o 70 por cento da poboación mundial no primeiro semestre de 2022. España xa enviou máis de 48 millóns de doses ao conxunto de terceiros países.
Caducidade do pasaporte covid: 6 meses de validez e outros tres meses dispoñibles para administrar as correspondentes doses de reforzo.
'Non estamos en marzo de 2020 nin no Nadal do ano pasado, estamos nunha situación moi diferente e temos que confiar na nosa estratexia: a ciencia e a prevención, a vacina e a máscara'
'As restricións que van implantando as comunidades autónomas van todas orientadas a seguir freando a curva de contaxios, e se se cumpren, axudarán a evitar unha maior transmisión.'
A variante ómicron é máis contaxiosa e polo momento concreto que implican estas festas, coas compras e a mobilidade nas rúas, a máscara sabemos que é unha ferramenta eficaz para axudar na prevención nun momento delicado coma este.
'Hai excepcións para non levar a máscara en exteriores: por exemplo se un está facendo deporte, se está paseando solo no campo, ou cun convivente, ou se hai unha distancia prudente con outra persoa, non fai falla poñela', explicou Sánchez.
'As comunidades autónomas teñen un amplo marxe, en base ás súas competencias, para adaptar as medidas segundo a pandemia esté incidindo no seu territorio. Porque as realidades son diferentes e tamén as necesidades de cada rexión.'
'Trasladeilles aos presidentes que na defensa e loita contra a covid haberá recursos suficientes, polo momento hai destinados máis de 7.000 millóns de euros, cantidade que se pode revisar ao longo dos vindeiros meses'.
'Volver á máscara é complicado, era unha situación que parecía superada, pero que se fai necesaria para aumentar a protección desta nova vaga.'
'A vacina de reforzo de Pfizer e Moderna poñerase despois dos 6 meses da última dose, mentres que no caso de Janssen e AstraZeneca a dose de reforzo será a partir dos 3 meses.'