Pedrafita acolle a XXXIV edición da Feira do Queixo do Cebreiro
Produtos artesáns, gastronomía da montaña e polbo completan a oferta
O tempo solleiro e a xornada festiva atraeron numerosos visitantes
A súa tradicional forma de cogomelo, a súa elaboración con leite de vacas que pacen no prado e o seu sabor levemente amargo converten o queixo do Cebreiro nun alimento case único en España. Non sorprende, pois, que a feira estivera moi concorrida. Os produtores levaban dous anos sen poder ofrecer o seu queixo nun espazo de tanta presenza como a feira polo que aproveitaron para poñelo en valor.
O tempo solleiro e o ser día festivo, xuntado coas ganas de feira que había despois de dous anos, tamén fixeron que a afluencia de público fora moi abondosa. Ademais do queixo propio do Cebreiro, os asistentes puideron degustar outros queixos e produtos leiteiros de toda España, desfrutar da música en directo e dos produtos tradicionais da gastronomía da montaña luguesa e, como en toda celebración galega que se precie, non podía faltar o polbo.
A feira vai continuar toda a tarde polo que, se lles gusta o queixo e queren coñecer esta parte da montaña luguesa, teñen unha cita obrigada en Pedrafita do Cebreiro.