A USC quere coñecer a disposición dos galegos a aceptaren os insectos na dieta
Preparan un traballo de fin de grao que incluirá unha cata a cegas de produtos elaborados con e sen fariña procedente destes animais
O departamento de Nutrición Humana da Universidade de Santiago está a preparar unha enquisa destinada a saber en que medida os galegos probariamos alimentos con insectos.
Para tal efecto, o traballo de fin de grao incluirá unha cata a cegas de produtos elaborados con e sen fariña procedente destes animais.
Os insectos son unha fonte de proteína común noutros continentes. Comelos ou non é, por tanto, unha cuestión cultural, dado o seu valor nutritivo.
"Hoxe en día non estamos a consumir os insectos, como ocorre en países como México ou A China. Pero si que é certo que son unha importante fonte proteica, polo que si que pode ser unha alternativa interesante para o consumo deste nutriente", sinala a nutricionista Marta Pérez Fandiño.
No mundo hai preto de 2.000 especies de insectos que se consideran comestibles. Así e todo, polo momento en Europa só están autorizados catro para o consumo humano. Son o verme da fariña, a lagosta migratoria, o grilo doméstico e as larvas do escaravello do esterco.