Publicador de contidos

Peche nocturno en dous salóns de peiteado de Vigo e Lugo para pedir un IVE do 10%

Peche nocturno en dous salóns de peiteado de Vigo e Lugo para pedir un IVE do 10%

Din que son sector esencial e non poden ter un imposto de actividade de luxo

O IVE ao 21 % e a suba da luz pon contra as cordas moitos locais

Cruz García del Río 24/11/2021 20:50

Un grupo de profesionais do sector da imaxe persoal pasan a noite en dous salóns de peiteado en Lugo e en Vigo.  O peche, entre as oito do serán e as sete e media da mañá, é unha protesta simbólica para volver reclamarlle ao Goberno que lles poña o IVE ao 10 %.

"Como non queriamos entrar nos Orzamentos do Estado de 2022 presentáronse varias emendas, pero vetáronas todas, e seguimos na loita pedindo a restitución do noso IVE", asegura Conchi Fernández, unha das peiteadoras que participa no peche en Lugo.

Queren que lles restitúan o IVE reducido que pagaban ata 2012, cando en plena crise económica llelo subiron ao 21 %. Basean a súa reivindicación en que son un sector esencial, como se demostrou, din, durante a pandemia.

"Nós xa o tiñamos porque somos sector esencial e correspóndenos o 10 %, non nos corresponde o 21 % que é un IVE de luxo", di Mónica Puente, a propietaria do local de Lugo en que están pechadas.  Outra compañeira, María Luisa Carballo, lembra que aquela subida de golpe de trece puntos do IVE ía ser temporal e xa levan nove anos reclamando volver ao tipo impositivo anterior.

Aseguran que  un IVE tan elevado e a suba do prezo da electricidade están poñendo contra as cordas moitos locais. Aseguran que moitos pecharon e outros agonizan sen que ninguén lles faga caso.  

Ademais deste peche nocturno simbólico, os profesionais de salóns de peiteado, barberías e centros de beleza levan feitas máis de 400 concentracións coa mesma reivindicación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar