Publicador de contidos

Publicador de contidos

Paula Uría: "Galicia ten un potencial moi alto para xerar hidróxeno verde"

Paula Uría: "Galicia ten un potencial moi alto para xerar hidróxeno verde"

Segundo a secretaria xeral de Industria, o compromiso de Enagás vai permitir que Galicia deixe de ser unha illa enerxética

Considera que o hidroduto Guitiriz-Zamora vai "consolidar un sector industrial vencellado" a este vector enerxético

G24.gal 05/03/2023 11:23 Última actualización 05/03/2023 14:27

A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, salienta a importancia do compromiso de Enagás co hidroduto entre Guitiriz e Zamora, que vai conectar Galicia coa rede troncal europea de hidróxeno verde en 2030.

"Con este compromiso de Enagás, que asume como propio ese hidroduto, conséguese que realmente Galicia deixe de ser unha illa enerxética e teña esa conexión real coa meseta e con Europa".

Nunha entrevista no informativo Bos Días da TVG, asegura que o convenio vaise ratificar nos vindeiros días. Segundo explica, este enlace coa meseta vai permitir "consolidar un sector industrial vencellado" a este vector enerxético de futuro.

"Galicia ten un potencial moi alto en xeración de hidróxeno verde, pero tamén en toda a cadea de valor do hidróxeno renovable. Hai proxectos xa de mobilidade de hidróxeno, de fabricación de electrolizadores ...".

Paula Uría considera que Galicia se vai situar como rexión de referencia internacional neste eido pola súa "potencialidade" para xerar hidróxeno e proxectos industriais de toda a cadea de valor.

Transición enerxética

Lembra que este combustible, que se obtén a partir da electrólise da auga cunha fonte renovable, pode usarse nas empresas, no transporte e nos domicilios como substituto do gas natural.

Subliña, ademais, que a invasión de Ucraína provocou unha crise enerxética en Europa, dependente do hidrocarburo ruso, e acelerou a transición cara a outras fontes de enerxía. 

"A Unión Europea ten o obxectivo de 10 millóns de toneladas ao ano no 2030 de hidróxeno renovable, que vai acelerar toda a economía verde". 

A secretaria xeral de Industria lembra que a Xunta conformou unha alianza industrial de hidróxeno verde a finais de 2022, formada por nove empresas tractoras e oito asociacións que engloban máis de 700 empresas, para implantar este sector.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar