Entrar en calor sen que sexa unha ruína
Atrapar a calor, o mellor xeito de aforrar
Manter a temperatura por debaixo de 21 graos e illar ben a vivenda son claves para reducir a factura da calefacción
Chega o frío e con el a teima por manter a casa quente sen que sexa unha ruína. Ventilar non máis de 15 minutos, purgar os radiadores para que quenten mellor e máis rápido, e manter temperaturas por baixo dos 21 graos, son consellos útiles para reducir a factura da calefacción. O que nunca se debe facer é aforrar no mantemento.
"Un mantemento sempre vai ser aforro", sentencia Jacobo Lima, técnico de caldeiras de Servitega
Poñer a punto cada ano a caldeira significa gañar en seguridade e aforrar ata un 30% en enerxía.
"Ao queimar mal, a eficiencia da máquina cae moitísimo; entón, ao caer moitísimo, tarda moito máis en quentar, a eficiencia é moi mala, entón o gasto é o dobre", continúa
Se o que queimamos é leña, os mantementos son igual de necesarios. Aconséllanse cada dous anos.
"Vai tirar moito mellor e vai dar máis calor, o fume non colle eses tropezos na feluxe", conta Manuel Casal, desenfeluxador.
Aforrar en climatización non significa pasar frío, senón evitar que a calor que xeramos escape, e niso o illamento xoga un papel determinante.
"Ao final, se tes unha vivenda illada, podes conseguir máis dun 50 % de aforro enerxético; só illando o que vén sendo fachada e cubertas. Se ti sumas a isto as ventás, que hoxe en día tamén é moi importante, podemos acadar unha porcentaxe aínda maior", explica Lorenzo Abal, técnico comercial Aislamos
Non todas as estancias da vivenda necesitan estar igual de quentes. Instalar termóstatos individuais axuda a reducir a factura. Tamén, baixar a temperatura durante a noite.
"Nós pola noite recomendamos baixar o termóstato a 17, 18, para que arranque e manteña soamente esa temperatura e non estar durmindo coa calefacción acendida", apunta o técnico de caldeiras.
E de día toca subir persianas para deixar que os raios do sol quenten a casa.