Pai e filla quedan sen nada tras o incendio que calcinou a súa vivenda en Vilasantar
A investigación determinará as causa do incendio, pero unha das hipóteses máis probables é que se debese a un curtocircuíto
A vivenda carecía de seguro e quedaron sen nada
Pasaban das 5 da mañá cando o propietario da vivenda despertou co ruído do lume no faiado e o cheiro a fume. Só tivo tempo de despertar á filla que durmía noutro cuarto e saíron co posto a pedir axuda. O veciño da casa de en fronte foi o primeiro en acudir. Asegura que as lapas xa saían polo tellado e as fiestras e non puideron facer nada.
Foi precisa a intervención do GES de Curtis e os Bombeiros de Arzúa e Betanzos para sufocar o incendio. A estrutura de madeira do tellado favoreceu a rápida propagación do lume. Só puideron salvar un alboio onde gardaban un coche. Unha vez sufocado o incendio confirmaron o pasamento dunha cadela que quedou atrapada.
Axiña se achegaron veciños e o alcalde de Vilasantar para darlles ánimo aos afectados e prestarlles o apoio necesario. A vivenda carecía de seguro e quedaron sen nada. Todos amosaron a sua disposicióna a axudar no que poidan. Desde o concello traballan xa, como explicou o alcalde, Fernando Pérez, na busca dunha vivenda onde poidan aloxarse inmediatamente.
A investigación determinará as causas do incendio, pero unha das hipóteses máis probables é que se debese a un curtocircuíto.