As raíñas da noite de San Xoán collen peso para o lume do 23 de xuño
O peixe azul domina nos mercados, á espera das grandes vendas do 23 de xuño
Comezou xuño e a gran cita achégase: o San Xoán, que este ano é festivo, polo que se multiplicarán as festas por toda Galicia. A estrela, coma sempre, a sardiña, que xa comezou a chegar aos mercados.
Di Santiago Pesqueira, de Pescados Cachadas no Mercado de Pontevedra, que "está indo ben de momento porque se está vendo que vén peixe, e a sardiña xa vén grandeira, e se vén así a estas alturas, iso quere dicir que para máis adiante moito mellor. Porque o normal sería que a estas alturas viñese medianiña, que é este entre sardiña e xouba. Pero xa están metendo sardiña grande nas caixas, e de momento os prezos veñen moi ben".
Están nos mercados dende hai 15 días, pero é cedo para mercar sardiñas para San Xoán. Iso si, para a gran noite estarán no seu punto mais óptimo, como recoñecen os que saben, como Rocío Domínguez, do posto Pescado Bea, e José Manuel Búa, de Pescados Búa. De momento, o quilo custa entre cinco e sete euros, pero as sardiñas son as raíñas da noite máis curta do ano e o prezo multiplicarase. Pero non faltarán nas mesas, como din varios veciños de Pontevedra.
Os que máis saben recomendan non conxelar as sardiñas, e os máis previsores téñenas reservadas. Coa chegada do bo tempo, sardiñas, chinchos, lirios e peixe azul en xeral enchen os postos nos mercados, á espera da tolemia pola raíña da noite de San Xoán.