Unha familia de Barbadás atopa unha serpe no fondo da piscina
Protección Civil retirou o animal e levouno a unha zona próxima ao río e fóra do centro urbano
Na mesma casa encontraron outra serpe no garaxe hai dous anos
A cadela foi a primeira en decatarse da presenza dunha serpe na casa e puxo en aviso os donos.
"O domingo empezou a ladrar sen parar, ao principio estrañounos, adoitan pasar cans, pero ao ladrar con tanta insistencia baixamos e vímola ladrando á piscina que estaba baleira porque a estamos limpando, achegueime e vin unha serpe viva, movéndose e bastante grande", conta Noelia.
A familia que reside nesta vivenda de Barbadás chamou aos axentes Protección Civil, que rescataron o animal. Levárono preto do río pero fóra do núcleo urbano.
"Viñeron recollela sobre á hora ou hora e media e de feito picoulle ao de Protección Civil no labio e no brazo. Quedou nunha anécdota, pero ao principio foi un susto porque miña nai tenlle pánico, e amais era de grandes dimensións", explica.
Medía un metro trinta de lonxitude. Non é a primeira que encontran no lugar.
"Hai dous anos que entrou unha no garaxe. Deixamos a porta do garaxe aberta para ventilar e entrou. Hai moitas preto do río", conta a moza.
Coma neste caso, na maioría das ocasións cando aparece unha serpe nun parque, ou nunha casa adoita quedar nun susto.