Pacientes do CHUO participarán no ensaio clínico dun novo medicamento contra o cancro de páncreas
Na primeira fase, corenta e un pacientes con cancro non presentaron toxicidade nin efectos secundarios graves
Hai evidencias da eficacia inmunoactivadora deste fármaco, que no 23% dos casos conseguiu deter o avance no tumor
Un novo fármaco contra o cancro, seguro e ben tolerado en tumores sólidos, vai ser probado en fase de ensaio no Hospital Universitario de Ourense. Hai a expectativa de que poida servir para aumentar a supervivencia nun dos cancros máis agresivos, o de páncreas.
Próbase un anticorpo monoclonal desenvolvido no Val D´Hebrón polo investigador de orixe galega Joan Seoane. Un fármaco que bloquea as proteínas responsables de varios tumores sólidos. Os esforzos diríxense en primeiro lugar aos de peor prognóstico.
"O paciente, neste caso un paciente en estadío 4, os pacientes metastásicos que non van ser subsidiarios dunha operación e que chegan a nós e están en condicións de recibir un tratamento de quimio, poderían entrar neste ensaio", explica Noelia García Cid, oncóloga do Hospital Universitario de Ourense.
O tratamento incluiría a quimioterapia convencional, a inmunoterapia e, ademais, este novo tratamento. Na primeira fase do ensaio parou o crecemento dos tumores nun 23 por cento dos pacientes.
"Por iso estamos moi esperanzados con este tratamento, porque ademais o cancro de páncreas é un tumor bastante agresivo que ata agora se trata aínda con quimioterapia clásica, e estes resultados son moi positivos. E ademais é un tratamento seguro", engadiu a oncóloga Noelia García Cid.
Ourense está xa na fase de selección dos candidatos a este ensaio e agardan comezar axiña coa proba deste tratamento.