Publicador de contidos

Publicador de contidos

Outra nena sufriu trastornos tras sedala o anestesista detido por homicidio imprudente en Valencia

Outra nena sufriu trastornos tras sedala o anestesista detido por homicidio imprudente en Valencia

É o mesmo médico que sedou a nena de 6 anos falecida o pasado 20 de novembro tras ser atendida nunha clínica de Alzira e outra de 4 que estivo ingresada nun hospital

G24.gal 10/12/2025 11:43

Unha nena de 5 anos sufriu trastornos de saúde pola anestesia recibida unha clínica dental privada de Paterna (Valencia) practicada polo mesmo anestesista que sedou a nena de 6 anos falecida o pasado 20 de novembro tras ser atendida nunha clínica de Alzira e a outra de 4 que estivo ingresada nun hospital.

A nena de 5 anos foi atendida nunha clínica de Paterna o día anterior ao ocorrido coas outras dúas menores e tivo que acudir a un hospital ao sufrir complicacións pola anestesia, segundo confirmaron a EFE fontes da Policía Nacional.

A policía continúa investigando os feitos ocorridos na clínica de Alzira por mor dun tratamento dental o pasado 20 de novembro, tras o cal faleceu a nena de 6 anos e outra estivo ingresada varios días no hospital Clínico de Valencia.

O anestesista, que acudía a varios lugares de traballo, quedou o pasado 4 de decembro en liberdade con medidas cautelares, segundo acordou a Sección Civil e de Instrución do Tribunal de Instancia número 5 de Alzira, despois de ser detido o día anterior por homicidio imprudente.

A xuíza considerou que non se daban as condicións para ditar a prisión provisional solicitada polo Ministerio Público debido a que non apreciou risco de fuga, por atopar acreditado suficiente arraigamento en España do detido, nin de destrución de probas.

O home, de 43 anos, deberá comparecer de forma periódica perante o xulgado, e ademais retiróuselle o pasaporte e non poderá saír de territorio nacional.

O anestesista queda investigado nunha causa aberta polos delitos de homicidio por imprudencia profesional, lesións por imprudencia profesional, furto e omisión do deber de socorro, sen prexuízo de ulterior cualificación conforme avance a investigación.

Pola súa banda, a dona da clínica dental privada de Alzira, de 50 anos, está acusada dos delitos de omisión do deber de socorro e contra a saúde pública.

A Consellería de Sanidade informou de que esta clínica dental privada non ten autorización sanitaria para técnicas de actividade de anestesia, o cal inclúe a sedación con fármacos intravenosos, como se lle practicou á menor, de modo que unicamente está autorizada para administrar sen máis autorización anestésicos locais.

O pasado 20 de novembro unha nena de 6 anos ingresou, minutos antes das 17 horas, no Servizo de Urxencias do Hospital de La Ribera en parada cardiorrespiratoria tras ser atendida esa mesma mañá nunha clínica dental privada e os facultativos tentaron a súa reanimación, sen éxito.

Previamente, ás 15:11 horas acudira ao mesmo hospital outra nena, de 4 anos, que tamén fora atendida esa mañá na mesma clínica dental, con episodio de febre, vómitos e somnolencia, e foi trasladada ao hospital Clínico de Valencia, onde foi atendida na UCI pediátrica e foi dada de alta varios días despois. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade