Publicador de contidos

Publicador de contidos

As familias de acollida terán preferencia para adoptar os menores que amparan

As familias de acollida terán preferencia para adoptar os menores que amparan

O Consello da Xunta aproba o anteproxecto de Lei de infancia e adolescencia

Galicia é a segunda comunidade con máis acollemento familiar

G24.gal 02/03/2026 11:12 Última actualización 02/03/2026 14:53

O Consello da Xunta aprobou este luns o anteproxecto de Lei de infancia e adolescencia que aspira a reunir baixo a mesma lexislación toda a normativa relativa á protección dos menores de idade. 

A intención, asegurou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, é "poñer a infancia e a adolescencia no centro das políticas da Xunta de Galicia".

Desde a administración autonómica destacan que esta regulación abundará en dar prioridade ao sistema de acollida familiar, no lugar de que os menores estean en centros asistenciais.

Neste sentido, a Xunta quere dar un paso máis e dar prioridade ás familias de acollida deses menores á hora de adoptalos, no caso de que finalmente se decida que eses nenos deben pasar ao sistema de adopción.

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou que a lei que agora comeza a súa tramitación quere ser unha norma "moderna e adaptada ás novas realidades sociais, que poña sempre o foco na infancia".

"Os principais destinatarios desta lei son os case 350.000 menores que residen na nosa comunidade", anunciou a conselleira, quen dixo que a Xunta aspira a que esta lei sexa froito dun proceso aberto e participativo, no que convida a realizar achegas a todas as entidades que traballan neste sector.

Non obstante, avanzou que o obxectivo é "cambiar o paradigma na defensa da infancia", e nesa liña continuarán coa política actual "de potenciar o acollemento familiar como fórmula prioritaria de protección dun menor cando este non pode vivir coa súa familia".

"Non hai mellor fogar para un menor que no seo dunha familia", insistiu García.

Nese sentido, a reforma que permitiría que o menor quede no fogar de acollida, no caso de decidirse que debe iniciarse o procedemento para a súa adopción, "responde a unha reivindicación que veñen facendo as familias acolledoras".

A lei tamén recollerá a creación dun rexistro de familias acolledoras e adoptivas

Ademais regularanse as medidas de protección á infancia, como as tutelas ou as gardas, para "mellorar a coordinación das administracións", entre a Xunta e as entidades locais, xa que a primeira teñen a competencia en caso de risco grave, mentres aos concellos compétenlles os de risco leve.

O proxecto de lei inicia agora a súa tramitación, coa proceso de consulta pública, co obxectivo de que sexa remitido ao Parlamento no segundo semestre do ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade