Galicia, primeira comunidade en prohibir a venda de bebidas enerxéticas a menores desde este sábado
"Os menores deben saber que as bebidas enerxéticas son moi daniñas para a saúde"
As multas por incumprir a nova normativa poden chegar aos 3.000 euros
Os menores de 18 xa non van poder tomar bebidas enerxéticas a partir desta fin de semana. Mañá entra en vigor a nova lei coa que Galicia se converte na primeira autonomía en equiparar estes produtos co tabaco ou co alcol. Os médicos confirman que son un risco para a saúde, sobre todo da xente nova, e que poden crear adicción.
Calcúlanse por milleiros os mozos e mozas que consomen a diario en Galicia bebidas enerxéticas. Máis do doce por cento dos estudantes de ESO e bacharelato. A partir de mañá estarán prohibidas en Galicia para os menores de idade.
"O consumo de bebidas enerxéticas entre a xente nova sobre todo ocasiona insomnio, hipertensión, nerviosismo, irritabilidade e incluso alteracións a nivel neurolóxico, psicolóxico ou psiquiátrico", explica Cristina Iglesias, médica de familia.
Este tipo de bebidas non se poderán vender en máquinas expendedoras e deberán ademais estar separadas do resto no interior dos establecementos. Alí ven cada día como o seu consumo é habitual entre a mocidade.
"E non so unha o día... Dous, tres, catro... Hai xente que consome moita bebida desa. Saben que teñe azucre, saben que teñen cafeína... O que non saben é ata que punto se poden pasar", conta Adrián González.
Os médicos advirten de que o seu consumo habitual pode crear adicción e efectos secundarios graves se se mesturan con drogas ou alcol. A nova lexislación busca frear o seu consumo, que nalgúns casos comeza aos doce anos. Os mozos admiten que o consumo é moi habitual, e algúns cren que a nova lei pode ser positiva para concienciar aos consumidores.
"Onde máis se toma e onde máis as vexo é cando se sae de festa".
"Eu coñezo xente que as toma a diario sabendo que son malas para a saúde".
"Que estean prohibidas pode concienciar un pouco máis a xente".
As multas por incumprir a nova normativa poden chegar aos 3.000 euros.