Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Parlamento galego aproba unha lei pioneira que prohibe as bebidas enerxéticas a menores

O Parlamento galego aproba unha lei pioneira que prohibe as bebidas enerxéticas a menores

Galicia equipara vapeadores e bebidas enerxéticas ao tabaco e ao alcol

É a primeira administración en España en adoptar esta medida

O botellón estará sancionado e estará prohibido fumar nun radio de 50 metros arredor de centros educativos, sanitarios, edificios públicos, paradas de transporte e piscinas públicas

G24.gal 16/12/2025 17:33

O Parlamento de Galicia aprobou este martes a lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas, unha norma pioneira en España que prohibe o consumo e a venda de bebidas enerxéticas e vapeadores a menores de idade.

A lei saíu adiante cos votos a favor do PPdeG, a abstención do PSdeG e o voto en contra do BNG.

División entre os grupos e críticas da oposición

O BNG foi o grupo máis crítico coa norma. A deputada Montse Prado cualificouna de pouco concreta e cun carácter punitivo. Sinalou que non ofrece alternativas aos menores e que inclúe medidas difíciles de aplicar.

O PSdeG optou pola abstención. A deputada Elena Espinosa criticou a falta de consenso e o escaso diálogo co resto de grupos. Avisou de que a lei pode converterse nunha ferramenta propagandística e carecer de eficacia real.

Con todo, explicou que os socialistas non votaron en contra por compartir os principios xerais da regulación.

Prohibición de vapeadores, bebidas enerxéticas e máis control do botellón

A norma regula actuacións para protexer a saúde das persoas menores e previr condutas adictivas, tanto con substancias como sen elas.

Inclúe a prohibición de venda e consumo de vapeadores a menores, mesmo sen nicotina.

Segundo datos da enquisa Estudies de 2023, o 41,5 % dos adolescentes de 14 anos xa probara estes dispositivos.

A lei tamén prohibe o consumo de bebidas enerxéticas con 32 miligramos ou máis de cafeína por cada 100 mililitros, ao considerar excesiva esta cantidade para menores.

Galicia convértese así na primeira administración en España en adoptar esta medida, que só aplicaran ata agora países como Polonia ou Letonia.

O texto reforza ademais a loita contra o botellón, que pasará a ser sancionado pola Xunta.

Amplía tamén a prohibición de fumar nun radio de 50 metros arredor de centros educativos, sanitarios, edificios públicos, paradas de transporte e piscinas públicas.

A deputada do PPdeG Encarnación Amigo defendeu que a lei ten un enfoque integral e transversal.

Sinalou que se basea na evidencia científica e en datos do Ministerio de Sanidade. Segundo indicou, a norma actualiza o marco legal e adiántase a riscos emerxentes na infancia e adolescencia.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, interveu no debate antes da votación.

Defendeu que se trata dunha norma rigorosa, viva e adaptada á evolución da sociedade. Criticou a oposición por non aceptar ningunha emenda e reiterou o carácter pioneiro da lei en materia de prevención da saúde.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade