Desenmascarando as tácticas da industria para facer atractivos os produtos do tabaco
Utilizan sabores e olores agradables para captar consumidores entre a xente nova
A OMS pide prohibir estes aditivos no Día Mundial sen Tabaco
O Día Mundial sen Tabaco 2025 ten por lema “Desenmascaremos o seu atractivo”. A Organización Mundial da Saúde aproveita para sacar á luz as tácticas da industria coa fin de captar novos consumidores dos produtos do tabaco e a nicotina.
A xente nova rexeita maioritariamente o cigarro convencional, pero cae nas redes dos cigarros electrónicos e vapeadores concibidos para enmascarar a súa toxicidade.
“Hai moito descoñecemento entre a rapazada. Cren que só é vapor de auga, e non se trata en absoluto de produtos inocuos para a saúde”, explica a investigadora da USC, Julia Rey Brandariz.
"Os aerosois teñen substancias que xa se sabe que son canceríxenas. Tamén moitos compoñentes tóxicos que comparten co cigarro convencional", asegura a profesora de Medicina Preventiva e Saúde Pública. Tamén nicotina, unha substancia altamente aditiva.
Os adolescentes españois vapean o dobre que hai un ano segundo unha enquisa da Sociedade de Medicina Familiar e Comunitaria.
“A industria saca novos produtos que resultan atractivos polas formas, olores e as cores. Estamos a falar de sabor a torta de fresa, a donuts ou a nubes de algodón. Vese claramente por onde van os tiros”, advirte o xefe da Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes de Santiago, Jorge Carballido.
Con vinte anos de experiencia en tratamento de drogodependentes, Carballido ten claro que estas novas modalidades de consumo do tabaco teñen por obxectivo sumar adictos á nicotina.
“Unha vez que conseguen que a molécula da nicotina chegue ao cerebro, esa persoa é súa”, afirma.
A Organización Mundial da Saúde avoga por prohibir os aromas e aditivos que realzan o atractivo dos novos derivados do tabaco. Ata o de agora a política máis dura posta sobre a mesa é a prohibición de vender tabaco aos nacidos a partir dun determinado ano para conseguir co tempo a primeira xeración libre de tabaco.
“En España evitaría 220.000 mortes só por cancro de pulmón”, explica Julia Rey.
Pero a investigadora di que esta medida só sería viable en países cun índice menor de consumidores que a que hai agora no país. Mentres, queda afondar nas políticas xa coñecidas como ampliar os espazos sen fume, aumentar o prezo do produto e outras destinadas a facelo menos atractivo.