Óscar Puente asegura que a parte española da conexión Vigo-Porto do AVE estará en 2030
Di que serán esixentes con Portugal para que tamén cumpra os prazos
O ministro de Transportes asegurou no Senado que o Goberno cumprirá o obxectivo de ter a conexión sur do AVE entre Vigo e Portugal en 2030.
En resposta á pregunta da senadora do BNG, Carme da Silva, Óscar Puente dixo que esa conexión si entrou na rede básica do mapa europeo e que polo tanto está nos obxectivos que se teñen que cumprir para esa data.
"Portugal xa dixo que non o vai cumprir, non por moito, pero que non o vai cumprir, Eu si estou en condicións de afirmar que nós imos cumprilo", afirmou o ministro.
Óscar Puente tamén informou na súa comparecencia na Comisión de Transportes que este martes se vai reunir co comisionado europeo do corredor Atlántico para tratar sobre o asunto.