Osa do Mar congrega en Burela 25 bandas ata o domingo, como The Rapants ou Tanxugueiras
Osa do Mar congrega en Burela 25 bandas ata o domingo, como The Rapants ou Tanxugueiras
Cúmprense dez anos dende que comezou o festival, que conta con actividades paralelas
Volve o Osa do Mar, desta vez con máis pulo. Cúmprense dez anos dende que o colectivo Fanto Fantini decidiu organizar este festival en Burela.
Dende aquela, non deixou de medrar ata converterse nunha cita imprescindible no panorama mariñao, que nesta edición congrega 25 bandas co apoio do Concello.
Diego Campo, presidente de Fanto Fantini: "Se nos din o primeiro ano que iamos chegar aos dez anos se cadra algún o dubidaba moito. É duro arrancar, para unha asociación coma a nosa, sen ánimo de lucro, á hora organizar un festival destas características".
Carmela López, alcaldesa de Burela: "É unha década en que este festival consegue poñer a Burela no mapa. E a nivel económico, cultural ou social consegue ser un revulsivo, totalmente".
Na primeira xornada, o festival conta coas actuacións de The Rapants ou do burelao Grande Amore. De xeito parello aos concertos, o Osa do Mar acolle actividades diversas.
Marcos Reimunde, Fanto Fantini: "Mañá facemos unha actividade que se chama recordar, que sempre o manexamos con alguén de Burela relacionado co mar. Este ano son as redeiras".
Diego Campo, presidente de Fanto Fantini: "Non é só música ou mar. O ano pasado comezamos coa actividade do podcast, con Nacho Criado, e este ano están as rapazas de O Faiado".
Nuno Pico, Grande Amore: "É o festival que máis apostou por calquera dos grupos en que toquei eu sempre. Con todos os proxectos, toquei aquí máis dunha vez. Á parte é na casa, con xente que queremos moito. Un engadido de nervios que lle chega ben".
Tanxugueiras serán, xunto con Iván Ferreiro, o prato forte do festival burelao.