O OUFF recoñecerá a Charo López co Premio Especial e a José Manuel Lorenzo co Premio Chano Piñeiro
Estes recoñecementos súmanse á Calpurnia de Honra que o festival entregará ao actor Javier Gutiérrez
O festival presentouse este xoves en Ourense (TVG)
O Ourense Film Festival (OUFF) recoñecerá á actriz Charo López co Premio Especial OUFF e ao produtor e profesional do audiovisual José Manuel Lorenzo co Premio Chano Piñeiro durante a súa 31ª edición, que se celebrará do 25 de setembro ao 4 de outubro.
Os dous galardóns foron anunciados este mércores durante a presentación oficial do festival, celebrada no Pazo de Vilamarín, nun acto que reuniu a autoridades, patrocinadores, colaboradores, profesionais do sector e medios de comunicación.
O Premio Especial OUFF distinguirá a Charo López, a quen a organización destaca pola súa traxectoria no cine, o teatro e a televisión, mentres que o Premio Chano Piñeiro recoñecerá a José Manuel Lorenzo, unha das figuras "máis relevantes do panorama audiovisual galego, cunha carreira decisiva para o desenvolvemento do sector".
Estes recoñecementos súmanse á Calpurnia de Honra que o festival entregará ao actor Javier Gutiérrez, xa anunciada previamente.
Durante o acto, o director artístico do OUFF, Óscar Doviso, presentou ademais as principais liñas da programación desta 31ª edición e deu a coñecer a composición dos xurados das tres seccións oficiais: Internacional, Panorama Galicia e Curtametraxes.
Na sección Oficial Internacional, o xurado estará integrado pola actriz italiana Federica Sabatini, o produtor Pablo Barinaga, a actriz e dramaturga Marta Belenguer, o deseñador de vestiario Fernando García e a directora de arte Ana Alvargonzález.
Así mesmo, na sección Panorama Galicia, o xurado estará presidido por Francis Lorenzo, a xornalista Amalia Enríquez, o actor e director de dobraxes Luís Iglesia, as cineastas Ariadna Silva Fernández, Premio Mestre Mateo, e Adriana Páramo, directora e investigadora.
En canto á sección de Curtametraxes, os membros do xurado serán: a actriz Chacha Huang, Carla Nieto que achega unha sólida carreira en cine e televisión en España e Méjico, e o actor e cineasta Nani Matos.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, destacou a traxectoria do OUFF, ao que situou como o festival audiovisual das súas características máis lonxevo de Galicia e como unha cita de referencia para a promoción do cine galego e español.
Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, defendeu o papel do festival como ferramenta de promoción cultural e de proxección exterior da provincia.