Os xabarís convértense nos novos veciños do barrio coruñés dos Rosais
Conta a veciñanza que os animais baixan con frecuencia desde a zona boscosa de Bens e piden medidas para evitar incidentes
Completamente estragadas deixaron os xabarís varias zonas axardinadas do barrio dos Rosais despois da súa última visita. "Levantan todo e fan moitos danos", relatan.
Sinala a veciñanza que os encontros con xabarís son frecuentes no barrio, probablemente pola proximidade da contorna urbana a zonas boscosas como Bens ou o monte de San Pedro. "No verán, ás sete da tarde xa estaban por aquí". "Eu vin unha cría pola tarde, no céspede".
Foron vistos pola noite e tamén polo día. Por iso no barrio téñenlles respecto. "Sobre todo os que temos can porque non sabes que pode pasar nin como van reaccionar".
Así as cousas, piden medidas preventivas para evitar calquera tipo de incidente.