Os viticultores de San Fiz, en Chantada, reclaman axudas pola sarabiada de xuño
As perdas ocasionadas foran millonarias, cunha produción nula e as cepas estragadas
A sarabiada caída a mediados de xuño na parroquia chantadina de San Fiz arrasara a produción de viño e provocara importantes danos nas viñas. Sete meses despois daquela tormenta de pedrazo, os viticultores afectados non recibiron axuda ningunha, polo que din sentirse desamparados.
Lorena Gay, adegueira e viticultora: "Foi unha sarabiada, o 16 de xuño, que afectou varias parroquias, focalizándose en San Fiz, coa que quedamos todos a cero de produción. E as perdas foron millonarias".
Cristina Vázquez, adegueira e viticultora: "A desfeita foi importantísima, no noso caso do 97 por cento. Previamos unha produción de 20.000 quilos, e 800 litros foi o que sacamos".
Logo doutros fenómenos adversos similares, os agricultores recibiran apoio por parte das administracións. Fora o caso da sarabiada que estragara a produción vitivinícola en Doade en 2016. Daquela, a Xunta abrira unha liña de axudas directas por un importe de 500.000 euros.
Lorena Gay, adegueira e viticultora: "Nós, a partir desas, vimos que non se mobilizaron axudas. En Doade, en 2016, si que recibiran axudas directas, de 7.000 euros por hectárea, e nós quedamos sen elas".
Cristina Vázquez, adegueira e viticultora: "Déronse eses fondos noutras ocasións. Por que non se dan agora? Non ten moita lóxica. Debemos recibir todos o mesmo".
Pola súa parte, dende Medio Rural sinalan a importancia de asegurar os cultivos. A convocatoria para fomentar os seguros tivera en 2021 un orzamento de seis millóns de euros.