Foxe despois de ter un accidente con danos en Santiago
Chocou contra unhas escaleiras de pedra que deixou desfeitas e despois bateu contra un coche estacionado
Os veciños quéixanse de que a rúa soporta un tráfico excesivo e da velocidade dos vehículos
Desde primeira hora da mañá operarios enviados polo concello reparan os pasos da escaleira de pedra que co golpe quedaron desfeitos. O estrondo do coche o bater asustou os veciños desta rúa Guadalupe en Santiago.
"Nós estabamos na casa vendo a televisión e sentimos un ruído moi forte pero non vin nada e pola mañá cando me levantei vexo a escaleira toda desfeita e os coches aqueles... e o coche fuxiu claro", di un veciño.
Xusto ao carón das escaleiras, permanece estacionado o coche que quedou máis danado pero houbo máis vehículos afectados.
"Desprazouno para adiante e ao desprazalo ese deulle aos outros, tamén", di un home.
Os veciños quéixanse de que os condutores circulan a velocidade excesiva e non respectan a limitación de trinta quilómetros por hora desta vía.
"A trinta non dá ese golpe, de oitenta para arriba".
"Para un que pasa a trinta pasan vinte a cincuenta".
Din que a estrada soporta máis tráfico por mor das obras nunha rúa próxima.
"Desde que están coas obras, parece unha autoestrada. Se aínda puxesen un semáforo. Ata que haxa unha desgraza", di unha muller.
A Policia Local de Santiago localizou o vehículo que ocasionou o accidente.