Publicador de contidos

Publicador de contidos

CIG e STEG convocan folga no ensino para o 16 e o 17 de decembro

CIG e STEG convocan folga no ensino para o 16 e o 17 de decembro

Escollen estas datas para que o paro coincida coa votación dos orzamentos do 2026 no Parlamento de Galicia

G24.gal 24/11/2025 14:53

Os sindicatos CIG e STEG reclaman que se reduza a ratio de alumnos por docente e que se contrate máis persoal. Por iso, convocan dúas novas xornadas de folga: o 16 e 17 de decembro, coincidindo coa votación dos orzamentos no Parlamento autonómico.

Os partidos da oposición apoian as demandas do profesorado. O líder dos socialistas galegos acudiu este luns a un instituto de Betanzos para denunciar as deficiencias nas súas instalacións. Para José Ramón Gómez Besteiro,  secretario xeral do PSdeG, "Rueda e o PP son inimigos da educación pública e das instalacións públicas, cuns orzamentos que non se preocupan por estas instalacións"

Tamén o BNG reclama máis recursos para os docentes. "Están nunha situación límite e, desde logo, hai que deixar atrás ese guión de privatizacións, de recortes e de maltrato ao persoal que está traballando en ámbitos tan importantes", asegurou a súa portavoz nacional, Ana Pontón.

Pola súa parte, os populares acusan os nacionalistas de promover o conflito. Para Paula Prado, secretaria xeral do PPdeG, "o BNG, a través da CIG-Ensino, está propoñendo a manifestación e a algarada". Pregúntase "se nesta ocasión van incentivar economicamente aqueles que fagan folga, dado o fracaso da última".

Esta convocatoria de folga non ten o apoio nin de Comisións Obreiras nin de UXT.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade