O Rambo galego alega que entrou roubar en varias propiedades por necesidade
Alfredo Sánchez Chacón asegurou ser el a vítima e rexeitou o acordo proposto polo seu avogado e a fiscalía, de 3 anos e 8 meses de cadea
"Eu son a vítima. Por necesidade e por comida. Non ía coa idea de roubar", manifestou Alfredo Sánchez Chacón, alcumado como o Rambo galego.
Deste xeito defendeu a súa inocencia Alfredo Sánchez Chacón, alcumado como o Rambo galego, antes de comezar o xuízo. Rexeitou o acordo proposto polo seu avogado e a fiscalía, de 3 anos e 8 meses de cadea, e solicitou a remuda do seu letrado, da quenda de oficio, que lle foi denegada ao considerar que se trataba dunha manobra dilatorio e un abuso do dereito.
Na vista oral, na que permaneceu durante todo o tempo de pé, explicou que nunca empregara a violencia e que tampouco roubara cartos nin xoias. "Había unha porta aberta e entrei no garaxe. Puxen unha cazadora porque estaba morto de frío. E alí apareceu un home e dinlle un golpe co bastón para defenderme", engadiu Sánchez Chacón.
"Sorprendémonos os dous. El deume dun golpe coa intención de defenderse e fuxir. E así o fixo. A min xa non me deu tempo a nada", declarou o propietario da casa.
Falan do roubo do 25 de xaneiro de 2022, nunha vivenda de San Sadurniño polo que hoxe o Rambo galego tivo que responder. Pero tamén por outros dous. O último, o 3 de febreiro do mesmo ano noutra casa da parroquia de Loira, en Valvoviño.
"Estaba durmindo, sentín un golpe, erguinme e xa vin un home na ventá da cociña intentando entrar despois de romper o cristal. Pregunteille se tiña fame e deille un bocadillo", di a propietaria doutra vivenda na que o Rambo galego intentou entrar tras romper o cristal da ventá da cociña. "Eu estaba a catro quilómetros da casa e, cando cheguei, xa estaba un garda civil. Vímolo pasar e fomos detrás del", conta o irmán da rapaza.
E así foi como lograron prendelo tras pasar once meses fuxido aproveitando un permiso penitenciario no cárcere de Monterroso, onde cumpría condena por un delito de homicidio.
No seu informe inicial, a fiscalía pedía para el unha pena de 10 anos de cadea, mentres que a defensa alega que cometeu os delitos en estado de necesidade.