Os viaxeiros reservan billetes de cara ao Nadal ante a saturación dos trens
Desde a plataforma de afectados de media distancia piden a Renfe que melloren o sistema
A gratuidade no tren de media distancia segue creando problemas aos usuarios do Eixo Atlántico. A demanda disparouse de xeito exponencial e cada vez é máis difícil conseguir unha praza, xa que se reservan con moita antelación.
Ás estacións galegas cústalles asumir a demanda de viaxeiros motivada en gran parte por esa gratuidade nalgúns traxectos. Máis aínda un venres pola tarde no que vemos unha estación ateigada.
Renfe di estar traballando na corrección de erros tecnolóxicos e melloras para limitar o bloqueo de prazas, pero din os usuarios que polo momento esas medidas non son suficientes.
Desde a plataforma de afectados de media distancia piden que melloren o sistema. Cren que tamén sería a solución para evitar que os trens viaxen con prazas reservadas pero baleiras, xa que ás veces non é posible anular a viaxe polos fallos na plataforma.
Cada vez é máis difícil comprar un billete se non é con moita antelación e por iso hai xa trens completos para novembro e comezaron mesmo as reservas para as datas do Nadal.