Os veciños dos barrios de Ourense denuncian o seu abandono
Nos Viros e Mende aseguran levar anos con servizos moi deficitarios
Os veciños dos lugares dos Viros e de Mende non só se queixan das fochancas. Din que teñen uns servizos moi deficientes. Teñen colectores rotos, iluminación pública que non funciona, as rúas que hai entre as vivendas mesmo tiveron que cubrilas eles de formigón.
Mesmo piden un microbús de liña para poder ir ao centro da cidade pola mañá e pola tarde. Aseguran que levan anos totalmente abandonados malia vivir a pouco máis dun cuarto de hora andado de Ourense.
"Temos unha zona chea de maleza onde só hai ratas e serpes e o problema é que hai veciños que ten nenos pequenos, e moi pequenos, porque os grandes aínda os podemos defender pero os pequenos non, é unha vergoña como nos teñen".
"Fixemos dous escritos non nos fan caso, temos os colectores todos rotos, pedimos colectores e tampouco nos fan caso, a poboación foi aumentando pedimos máis, tampouco os mandaron. E o camiño que non temos entrada como quen di. Había un bo asfalto abriron por dúas veces e deixaron todo cheo de buratos. Pedimos un pouco de atención".
"Baixan por aquí non só turismos tamén furgonetas e co estreito que e tes que andar esquivando fochancas e coches. E non só aquí nos Viros tamén en Mende".
Aseguran que pagan os mesmos impostos que outros cidadáns e que os seus servizos están lonxe de ser normais.