Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os veciños do barrio coruñés dos Rosales cortan o tráfico para pedir que se respecten os límites de velocidade

Os veciños do barrio coruñés dos Rosales cortan o tráfico para pedir que se respecten os límites de velocidade

Denuncian que moitos coches circulan a velocidades excesivas nunha zona limitada a 30

Atravesáronse nun paso de peóns durante un cuarto de hora
G24.gal 11/11/2025 15:35

Na Coruña, os veciños do barrio dos Rosales decidiron cortar o tráfico durante quince minutos na mañá deste martes para sensibilizar os condutores da importancia de respectar o límite máximo de trinta quilómetros á hora establecido para o barrio.

Denuncian que non se cumpre a limitación, que moitos condutores corren de máis e, en consecuencia, poñen en perigo aos que van a pé. Hai varios colexios na zona e, á hora de maior movemento de familias e estudantes, ao inicio das clases, desde a asociación de veciños, apoiados por outras agrupacións deportivas e sociais do barrio, cortaron, literalmente, o tráfico.

Co permiso e acompañados da Policía Local, nos Rosales buscan chamar a atención dos condutores, para que baixen o pé do acelerador e estean máis atentos aos peóns. O exceso de velocidade nos Rosales preocupa porque xa houbo varios atropelos e incidentes de tráfico.

O peche do tráfico nos Rosales non afectou a moitos coches porque, uns metros antes do peche, había opción de desviarse por unha rúa alternativa. O corte na glorieta da rúa Manuel Azaña durou uns quince minutos e foi, sobre todo, unha chamada de atención dos veciños, que insisten en que non respectar os límites de velocidade ao volante pon en perigo a todo o barrio. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade