Investigado un home por condución temeraria nunha concentración de vehículos na Laracha
Formuláronse máis de 30 denuncias administrativas por diversas infraccións á normativa de seguridade viaria e ordenación do tráfico
Garda Civil/Ministerio do Interior
A Garda Civil investiga un condutor por un delito de condución temeraria nunha concentración de vehículos que tivo lugar na Laracha
Segundo informaron fontes da Comandancia, o subsector de Tráfico, coa colaboración do Grupo de Investigación e Análise de Tráfico (GIAT), desenvolveu diversos dispositivos de vixilancia e control nun polígono industrial da Laracha, "co obxectivo de previr condutas de risco contra a seguridade viaria".
As actuacións puxéronse en marchar despois de detectar en redes sociais e aplicacións de mensaxería a publicación de convocatorias para realizar concentracións masivas de vehículos. O GIAT monitorizou esas actividades desde finais de febreiro e constatou a organización de eventos destinados á realización de condutos perigosas na vía pública.
Os participantes realizaban manobras de alto risco consistentes en competicións de velocidade, aceleracións bruscas con perda de tracción (coñecidas tecnicamente como burn-out) e derrapaxes controladas (drift). Estas, executadas en presenza de numeroso público, "xeraban un perigo grave e inminente para a integridade física dos asistentes".
O operativo contou co apoio técnico do Equipo PEGASO, que despregou aeronaves non tripuladas (drons) para a observación e gravación de probas desde o aire. Este dispositivo foi coordinado de forma simultánea con patrullas uniformadas e vehículos camuflados en terra para asegurar a identificación dos infractores.
Tras a análise das evidencias obtidas, os axentes identificaron a un condutor que, tras realizar manobras circulares bruscas (tipo spin), perdeu o control do vehículo e impactou contra o bordo nunha zona con alta densidade de espectadores, sen que se rexistrasen danos de gravidade.
Alén desta identificación e investigación penal, formuláronse máis de 30 denuncias administrativas por diversas infraccións á normativa de seguridade viaria e ordenación do tráfico.