Publicador de contidos

Publicador de contidos

Veciños de Trabanca Badiña, en Vilagarcía, denuncian inseguridade no seu barrio

Veciños de Trabanca Badiña, en Vilagarcía, denuncian inseguridade no seu barrio

Denuncian venda de drogas, ameazas e roubos na zona

Din que os toxicómanos consomen diante dos nenos, preto do parque infantil

G24.gal 24/05/2023 14:12

O problema vén de atrás, pero foi a máis nos últimos meses. Os veciños de Trabanca Badiña aseguran que en dúas vivendas do barrio se vende droga e que esta ruína serve de narcosala as 24 horas do día.

"Ademais ameazan se lles dis algo e teñen pelexas, nós queremos tranquilidade, non os queremos aquí". "Aquí arriba venden droga para toda a xente que ven de Vilagarcía, veñen de moitos sitios en coches", explican os veciños afectados.

O ir e vir de traficantes e toxicómanos provoca, din, ruídos, liortas e mesmo roubos e ameazas á veciñanza que os sinala.

"Forzaron o mesmo coche dúas veces, tamén unha furgoneta e unha veciña que os increpou recibiu ameazas", di Minerva Barcala, a vogal da Asociación de Veciños de Trabanca Badiña. "Eu recibín insultos e ameazas, xa o denunciei na policía e nos xulgados".

Preto do centro de día, na marquesiña do bus, no parque infantil... aseguran que ultimamente é habitual velos consumir mesmo diante dos nenos e a plena luz do día.

"Hai trasfega de toxicómanos e trapichean diante dos nenos, non queremos que se normalice esta situación", engade Minerva.

Malia que a policía atende as súas chamadas, o problema non cesa.

"A policía vén se os chamas, pero non disuade, porque eles desaparecen no momento e despois volven".

Sospeitan que a compravenda de drogas se desprazou desde o centro da Vilagarcía ao seu barrio e piden solucións urxentes para recuperar a tranquilidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade