Veciños de Teis, en Vigo, denuncian riscos para os peóns polas obras de humanización
Non hai beirarrúas e persoas con problemas de mobilidade ou carros de bebé transitan con gran dificultade
As obras de humanización no barrio vigués de Teis comezaron en verán e dende entón circular pola avenida de Galicia está a ser unha auténtica xincana para veciños e condutores. Moitos quéixanse de que non se tomaron medidas para garantir a seguridade dos peóns e piden ramplas para facilitar o paso por zonas cheas de terra que resultan especialmente perigosas para a xente que leva carriños de bebé ou da compra, e con problemas de mobilidade.
As obras de mellora das beirarrúas están a dificultar o paso nunha zona especialmente transitada, entre o centro de saúde e o instituto. Pasan a diario ademais centos de peregrinos de camiño a Santiago.
Os veciños reclaman un camiño seguro ata que se rematen as obras. Conta unha veciña o difícil que o ten ela: "Eu agora vou cruzar alí, que é onde mellor se cruza porque por alí non se pode andar. Eu o outro día viña co carro da compra e aquilo estaba todo pechado, quixen abrirme o paso, caeume o carro, levanteime, e por un pouco vou eu, o carro e todo. Grazas a que me arrimei a un valo e púidenme suxeitar. Senón, dou un tumbo e mátome".
Son moitos tamén os que contemplan as obras con resignación e mesmo optimismo. "Home, está incómodo porque cando está todo en obras está incómodo, pero hai que ter paciencia e esperar a que termine, porque vai quedar moi bonito todo", comenta un home.
Camiñar con carros da compra ou de bebé é arriscado nesta avenida de Galicia. "Realmente é un perigo porque por alí non se pode pasar, hai que meterse na estrada, e se vés cun neno ou cun carro é un perigo", salienta un veciño, e outra quéixase das obras: "Primeiro abren unha cousa, logo outra, e non dan terminado, a xente maior como nós pasámolo mal".
A principal preocupación é o paso por zonas cheas de terra, pedras e buracos, sobre todo cando chove. Piden que se poñan táboas ou ramplas para mellorar a seguridade dos peóns.