Os vales de Miño e Sil e o sur de Lugo, en alerta amarela por calor en Galicia
A entrada dunha masa de aire cálido desde o sur provocará que mañá martes suban as temperaturas

O servizo de observación meteorolóxica Meteogalicia activou o nivel de alerta amarelo por altas temperaturas este luns en varias zonas de Galicia, que inclúen as ribeiras do río Miño nas provincias de Pontevedra e Ourense e outras áreas de interior, como o sur de Lugo e a comarca de Valdeorras.
A entrada dunha masa de aire cálido desde o sur provocará que mañá os vales fluviais do Miño e do Sil superen con amplitude durante as horas centrais do día os trinta e cinco graos centígrados en varios municipios, razón pola cal se activa este plan de continxencias ante o risco para actividades concretas.
De igual maneira, Meteogalicia advirte de que toda a zona do literal noroeste, na provincia da Coruña, estará baixo os efectos dun temporal costeiro, polo que tamén establece o nivel amarelo de alerta ante a previsión de ventos no mar de forza sete entre as 15 e as 21 horas.
Desta forma, espéranse refachos de nordés que superen os cincuenta quilómetros por hora acompañados por ondas de ata catro metros de altura na área mencionada.
O resto de Galicia estará suxeita ás influencias das altas presións atmosféricas, que deixarán un día cálido, con altas temperaturas, aínda que coa posible aparición de chuvascos tormentosos en boa parte do territorio.