Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os usuarios das termas solicitan unha ampliación dos horarios

Os usuarios das termas solicitan unha ampliación dos horarios

Acceso durante só unha hora entre as dez e a unha do mediodía e entre as catro e as sete da tarde

Son os novos horarios das termas de Outariz e A Burga de Canedo tras a súa reapertura 

G24.gal 21/03/2022 16:05

Acceso durante só unha hora entre as dez e a unha do mediodía e entre as catro e as sete da tarde. Son os novos horarios das termas de Outariz e A Burga de Canedo tras a súa reapertura. A auga renóvase cada catro horas, por iso as termas pechan tamén ao mediodía. Hai ademais limitacións de ocupación e vixilantes que controlan o cumprimento das normas. 

"Estou encantada de que haxa un aforo e teñamos que rexirnos por unhas normas, para min é unha marabilla". "Pois un cambio bo, porque antes da pandemia había moita aglomeración, mal controlado...vexo ben o tempo, vexo ben todo". "Controlan a ocupación, toda a xente que entra, ben, moi ben", comenta a xente.

As termas pecharon dous anos pola pandemia, de feito as únicas que están abertas polo de agora son, ademais das privadas, esta de Outariz e a da Burga de Canedo. As limitacións que viñeron coa súa reapertura, especialmente os horarios restrinxidos, non acaban de convencer moitos usuarios. 

"Foron modificando, de media hora a unha hora, pero tes que entrar a unha hora determinada ou senón botar menos tempo, entón é un pouco complicar a cousa sen ter moito porqué". "Pecha a mediodía, pecha moi cedo pola noite, abre tarde pola mañá, non todas as pozas están abertas...", explican os usuarios.

A Asociación de Amigos das Termas, que conta con case dous mil socios, solicitou xa unha xuntanza co Concello.

"Non entendemos moi ben o porqué do horario comercial que lle puxeron, queremos que alguén nolo explique. Como mínimo queremos os mesmos dereitos que ten aquel edificio que está alí a trescentos metros que son as termas privadas. É dicir, que non se nos limite a unha hora, queremos como mínimo dúas horas dentro do recinto e por suposto que se amplíe o horario de peche", explicou Enrique Camoeiras, da Asociación Amigos das Termas.

As termas da Chavasqueira e as do Muíño da Veiga, así como a piscina termal das Burgas, seguen polo de agora pechadas. A súa reapertura é outra das reclamacións dos usuarios. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade