Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os trens Avril, sen data inicio do servizo por "ineficiencias e incoherencias"

Os trens Avril, sen data inicio do servizo por "ineficiencias e incoherencias"

"A empresa non transmitiu certeza algunha sobre a marcha do proxecto", segundo informou o Ministerio de Transportes

A posta en marcha está á espera de que Talgo "confirme a boa marcha de todas as probas de fiabilidade e os calendarios de entrega"

Rueda urxe unha reunión con Sánchez coas conexións ferroviarias como tema central do encontro

G24.gal 29/02/2024 18:01 Última actualización 29/02/2024 18:46

Este xoves o Ministerio de Transportes informou que "non é posible fixar unha data de inicio definitivo" dos trens Avril, deseñados para circular a máis de 300 quilómetros por hora, por "ineficiencias e incoherencias" do proxecto desenvolvido polo construtor Talgo.

Os representantes do operador ferroviario Renfe e o administrador de infraestruturas Adif, ambas estatais, participaron nunha reunión con dirixentes da firma privada Talgo, quen manifestou que esperan dispoñer no menor prazo posible de once unidades de trens de rodadura desprazable e catro de ancho fixo, segundo comunicaron fontes ministeriais.

"A empresa non transmitiu certeza algunha sobre a marcha do proxecto, que aínda reflicte ineficiencias e incoherencias", engadiron. "Nestas condicións, non é posible fixar unha data definitiva de inicio do servizo", que inicialmente estaba prevista para este primeiro trimestre do ano.

A posta en servizo queda á espera de que Talgo "confirme a boa marcha de todas as probas de fiabilidade e os calendarios de entrega, algo que hoxe non fixo", informaron dende o Ministerio de Transportes.

Os trens da serie 106 están aínda en probas de fiabilidade, "responsabilidade única e exclusiva de Talgo". Tanto Renfe como o Ministerio de Transportes están a esixir a Talgo, que é o "responsable de todo o proceso de homologación e certificación dos trens, a máxima dilixencia neste proxecto prioritario".

"Unicamente cando Talgo confirme de forma fidedigna as entregas dos S-106, sen deficiencias, Renfe confirmará a futura posta en servizo comercial destes trens e posteriormente iniciará a venda dos novos billetes", insistiron as fontes ministeriais.

A venda de billetes para os servizos dos novos trens estaba prevista para este venres, pero ante as incertezas que transmite Talgo, Renfe ampliou a venda coa oferta actual ata finais de abril. A compañía prevé lanzar para ese momento unha oferta con "superprezos" tanto no corredor Galicia-Madrid como no Asturias-Madrid.

Para garantir a posta en servizo o máis rápido posible, Renfe prosegue formando os maquinistas de diferentes residencias, incluídas Oviedo, A Coruña e Ourense, así como tamén persoal de intervención de a bordo para "ter todo listo para a estrea".

As fontes do Ministerio aseguran que Renfe xa dispón de maquinistas suficientes formados para iniciar o servizo.

Os trens Avril (alta velocidade roda independente lixeiro) están deseñados para circular a máis de 300 quilómetros por hora, tanto en ancho ibérico como en ancho internacional. Coa súa posta en servizo prevé acurtar os tempos de viaxe en traxectos que agora desenvolven outros trens.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade