Marchas lentas de transportistas colapsan o tráfico nas cidades
Marchas lentas de transportistas colapsan o tráfico nas cidades
Os camións concentráronse nos polígonos industriais próximos aos núcleos urbanos e desde aí iniciaron as caravanas cara aos centros das cidades
Varias grandes patronais súmanse ao paro dos pequenos transportistas
Mobilizacións, este luns, nos accesos ás cidades galegas. Comeza a segunda semana de paro no transporte e intensifícanse as protestas. O Goberno reúnese co Comité Nacional de Transporte por Estrada, pero non coa plataforma que convoca este paro indefinido.
Para esta mañá organizáronse caravanas de camións en case todas as cidades galegas. Desde primeira hora da mañá, transportistas e gandeiros concentráronse nas proximidades da capital galega e da cidade olívica para partir agrupados cara aos principais accesos das urbes.
Tamén houbo concentracións en Ferrol, onde camións e tractores partiron desde o polígono de Río do Pozo para percorrer as estradas cara a Narón e a cidade naval.
En Santiago, un grupo de tractores iniciou unha marcha desde o recinto feiral de Amio. A caravana dirixiuese a San Caetano, sede da Xunta, e continuou pola avenida de Lugo, principal arteria de comunicación da capital de Galicia, por onde desfilaron durante a mañá.
Pola súa banda, os transportistas e gandeiros que participan na protesta de Vigo reuníronse na A-55 á altura de Tui para partir cara á cidade olívica. Tamén houbo concentracións no parque tecnolóxico e loxístico de Vigo.
Na Coruña, a protesta iniciou a súa entrada no centro da cidade polo Burgo, no Concello de Culleredo. O desfile de camións na cidade herculina provocou tráfico lento.
A imaxe foise repetindo deste xeito nas outras cidades galegas, como Ourense ou en Lugo, onde tamén participan gandeiros.
Máis de 340 identificados e 9 detencións desde o inicio das protestas
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, informou este luns de que polo menos 347 persoas foron identificadas e nove foron detidas no marco do paro do transporte. Miñones tamén dixo que nos conflitos cos piquetes investíganse un total de 29 presuntos delitos.
"Non é unha folga xeral con servizos mínimos", asegurou o delegado do Goberno. "Estamos ante un paro con moitas complicacións, moita coacción", lamentou e condenou a actuación dos piquetes causando “medo” nos transportistas que "a pesar de ter garantido un corredor seguro, non queren saír polas posibles consecuencias".
Tamén indicou que as forzas e corpos de seguridade do Estado escoltaron "case 900 vehículos" en Galicia: "Estamos a prestar este servizo directo para que as empresas poidan realizar o seu traballo".